HISTORIA

A historia da SOG empézase a xestar en 1988, por un reducido grupo de médicos que traballaban no campo da Oncoloxía (Radioterapeutas, Oncólogos Médicos e Cirurxiáns). Estes profesionais pioneiros deciden asociarse legalmente en 1989.

O 16 de febreiro de 1989 celébrase a primeira Asemblea Constituínte organizada por unha Comisión Xestora que presidía o Dr. Carmelo Huidobro. O lugar de celebración foi o Colexio de Médicos de Santiago de Compostela. Os Estatutos da SOG foron legalizados o 20 de Febreiro de 1989. A Reunión Inaugural da SOG celébrase en decembro de 1989 en Santiago de Compostela.

A 1ª Xunta Directiva elixiuse no Colexio de Médicos de Santiago o 20 de Abril de 1990. Os compoñentes da devandita Xunta foron como Presidente: Carmelo Huidobro Alonso, Vicepresidente: Luís Gamazo Dominguez, Secretaria: María Dores Menéndez Prieto, Tesoureiro: Ezequiel González Patiño; Vogais: Por Coruña María del Carmen Silva Rodriguez; Por Pontevedra Dr Aureliano Dávila Juncal, sendo elixida por 8 votos dos socios fundadores. Estableceuse unha cota anual de 5000 pesetas para os Socios Numerarios e de 2000 pesetas para os Socios Transitorios. O primeiro Socio de Honra foi o Dr Carlos Ferreiros Espiñento.

A I Reunión Anual organízase en Lugo o 14 de Decembro de 1990, celebrándose ininterrompidamente en XXII edicións con carácter rotatorio polas principais cidades galegas. En 1995 creouse o Comité Científico daSOG abordándose como temas principais a Adxuvancia en Cancro de Mama e a creación dun Rexistro de Tumores Rexional. É a partir de 1996 cando a SOG inicia un movemento de apertura social e institucional. Particípase en 1997 na elaboración do Libro Branco da Oncoloxía en Galicia.

En 1998 asínase un convenio de colaboración coa Asociación Española de Investigación en Cancro (ASEICA), produto desta colaboración, foi a organización por parte de membros da Xunta Directiva do Congreso Nacional da Federación Española de Sociedades Oncolóxicas (FESEO) no ano 2000. Outra acción relevante desa época é a elaboración dun documento de Consentimento Informado para Galicia, no ámbito da Oncoloxía.

En 1998 nace o Grupo Galego de Cancro de Pulmón, fundado por membros activos da SOG, aínda que mantendo total autonomía, desenvolvendo unha importante actividade investigadora clínica no ámbito do tratamento multidisciplinar do Cancro de Pulmón. Outros Grupos de traballo como: mama, dixestivo, onco-hematolóxicos, urolóxicos, neuro-oncolóxicos etc. son desenvolvidos por diferentes especialistas pertencentes á SOG, pero mantendo total autonomía no seu funcionamento.

Na XVIII Reunión Anual do ano 2006, celebrada en Vigo, foi a primeira vez que a SOG é acreditada como actividade formativa polo Consello de Formación Continuada do Colexio de Médicos.

No ano 2008 asínase un convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e a SOG co obxectivo de desenvolver en Galicia un programa estratéxico de Asistencia Oncolóxica Integral denominado Estratexia Galega do Cancro 2008-2012, no devandito plan participan especialistas de múltiples ámbitos da Saúde.

No ano 2010 para a organización da XXII Reunión anual a SOG é acreditada pola Consellería de Sanidade como Provedor de Servizos de Formación Continuada, inaugurando unha nova etapa que ten como horizonte o desenvolvemento de proxectos de formación xeral e específica no ámbito da Oncoloxía.

Actualmente a SOG atópase inmersa nun proxecto de renovación e adaptación (revisión dos Estatutos, aplicación de Novas Tecnoloxías, novos Grupos de Traballo, etc).

Son XXII anos de historia, nos que a SOG xogou un papel relevante e foi fiel reflexo do acontecido na Oncoloxía galega recente. Desexamos que a “obra” continúe, e que novos actores protagonicen futuros capítulos.

Desacargue  ESTATUTOS DA SOCIEDADE ONCOLÓXICA DE GALICIA (SOG)

 

COMO FACERSE MEMBRO

 

 

 

Para facerse membro da SOG será necesario cumprir os requisitos dos Estatutos da SOG.

Descargue FORMULARIO DE ADMISIÓN